Tuesday 23 de April de 2024

Román Rodríguez destaca os 2,2M€ investidos pola Xunta no patrimonio cultural de Betanzos


— O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades anuncia que a Xunta restaurará este ano a igrexa de Santa María de Azougue, cunha achega de 220.000€

— O proxecto, que se licitará nas vindeiras semanas, dá continuidade a intervención levada a cabo no retablo o pasado ano

— Cun prazo de execución aproximado de catro meses, os traballos inclúen a eliminación das humidades, a limpeza das fábricas a renovación dos faldróns de tella e da estrutura de madeira que cubre o acceso ás torres

— A actuación encádrase no compromiso da Administración autonómica co patrimonio e súmase aos traballos no Parque do Pasatempo e a igrexa de San Francisco

A Xunta de Galicia restaurará a igrexa de Santa María de Azougue, en Betanzos, cun investimento superior aos 220.000€. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao templo na que destacou os 2,2M€ investidos pola Administración autonómica no patrimonio cultural de Betanzos.

Tal e como explicou o titular de Cultura, o proxecto que se licitará nas vindeiras semanas dá continuidade a intervención levada a cabo o pasado ano no retablo, elevando a achega feita polo Goberno galego neste ben a case 300.000€. “Durante esas actuacións detectáronse problemas de humidade que agora imos resolver para garantir a mellor conservación posible deste ben”, explicou Román Rodríguez.
Como expuxo o conselleiro, a intervención encádrase no compromiso da Xunta de Galicia coa conservación patrimonial e súmase aos traballos impulsados no Parque do Pasatempo e na igrexa de San Francisco. “Somos a administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais e así o demostran as nosas contas que este ano contan cun incremento do 14% na partida destinada a este fin”, salientou.

No caso concreto de Santa María de Azougue, os traballos previstos están dirixidos a resolver os problemas de entrada da auga na sancristía, eliminar as humidades no teito e nos paramentos verticais e a reparar a cuberta da igrexa e da sancristía, que presenta tellas rotas e gran cantidade de vexetación. Ademais, tamén se actuará na estrutura de madeira do acceso ás torres para retirar os elementos con podremia e limparase a fachada e a colonización vexetal localizada nas superficies verticais.

Para iso, renovaranse os faldróns de tella do templo e da sancristía e da estrutura de madeira que cubre o acceso ás torres, eliminaranse as humidades existentes nas plantas semienterradas e a limparase o rexuntado das fábricas de pedra.